DEBATEMOS

TEXTO 1

Estatuto de Autonomía de Galicia (1981):
ARTIGO 5
1. A lingua propia de Galicia é o galego.
2. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.
3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento.
4. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.

Constitución Española (1978):
ARTÍCULO 3
1. El castellano es la lengua española oficial del Estado. Todos los españoles tienen el deber de conocerla y el derecho a usarla.
2. Las demás lenguas españolas serán también oficiales en las respectivas Comunidades Autónomas de acuerdo con sus Estatutos.
3. La riqueza de las distintas modalidades lingüísticas de España es un patrimonio cultural que será objeto de especial respeto y protección.

(...) O caso galego. Precisamente, é a partir das primeiras medidas políticas revitalizadoras como a propia declaración de oficialidade da lingua, cando os índices de uso, transmisión, e prestixio social do galego caen en picado nos ámbitos informais. Isto pode explicarse de dous xeitos.

En primeiro lugar, tal como suxiren algunhas das persoas dedicadas a teorizar sobre a revitalización, esta ten que desenvolverse cunha orientación e secuenciación estrita e que se adapte á realidade da comunidade en cuestión. En Galicia, pola contra, o proceso foi demasiado acelerado, dándose por sentado ou directamente deixándose de lado os ámbitos de uso cotián e de carácter principalmente informal. 

En segundo lugar, ao acadarse o pleno dereito do galego como lingua oficial, semella que se esgota a capacidade de formular demandas de relevancia por parte da poboación ideoloxicamente escorada cara á revitalización, ao que hai que engadir a ausencia, especialmente nos derradeiros anos, dun vencello sólido entre as demandas políticas e lingüísticas da poboación respecto dos principais grupos de representación política.

Nos discursos centralistas, por exemplo, a cuestión da oficialidade fai ás veces de argumento para negar a posibilidade de novas demandas, con fórmulas ben espalladas como «se o galego xa é oficial, que máis queredes?» ou «o galego xa está recoñecido, polo tanto se non se usa ten que ver coa decisión individual de cada persoa». Argumentos sen dúbida falaces desde un punto de vista sociolingüístico, pero perfectamente funcionais no imaxinario político cotián en Galicia

Texto recuperado de: LINGUA E SOCIEDADE. Guía didáctica sobre os procesos sociolingüísticos en Moaña

1b) Lingua proletaria bilingüe | AldaoLado | LGx15


***

TEXTO 2

 O NEOFALANTISMO

O neofalantismo constitúe un fenómeno ao que a sociolingüística non se referiu ata hai ben pouco. Para caracterizalo, abonda dicir que, no neofalantismo, algúns membros dunha comunidade con linguas en conflito deciden voluntariamente comezar un proceso de conversión que supón o cambio consciente de repertorio nos usos lingüísticos, caracterizado polo abandono progresivo no emprego da lingua dominante (que adoita ser a súa lingua inicial) en favor dunha reconfiguración ideolóxica, é dicir, práctica e simbólica, cara ao uso e á revitalización da lingua minorizada.

O perfil característico das persoas neofalantes podería resumirse como xente nova, urbana, habitualmente con estudos superiores e, moitas veces, con presenza en ámbitos específicos como o activismo político: nacionalismo, ecoloxismo etc. Con todo, este non é o único perfil, e podemos atopar neofalantes de calquera condición e de praticamente calquera eido social.
En Galicia, o neofalantismo é case inseparable dun certo voluntarismo e demanda de mellora para a situación do galego. Por iso, nos últimos anos, considérase unha grande oportunidade para a revitalización e o mantemento da lingua: cando se produce unha conversión, a lingua non só gaña un ou unha falante, senón que este ou esta convértese nun elemento dinamizador de seu, fomentando o uso da lingua na súa contorna e inseríndoa en espazos sociais convencionalmente restrinxidos.

O neofalantismo considérase unha esperanza para o futuro, pois atinxe e diríxese directamente ao centro do conflito político e lingüístico que non ten cabida no ámbito de regulación da política lingüística institucional, é dicir, á conciencia política e lingüística que precisa calquera proceso de revitalización de abaixo a arriba á hora de defender unha demanda fronte á situación de dominación lingüística.
Aínda que no plano social é infrecuente que un ou unha neofalante se vexa obrigado ou obrigada a xustificar a súa conduta lingüística debido ao carácter máis ben impersoal dos espazos, no contorno máis íntimo é onde podemos atopar a meirande parte dos cuestionamentos e resistencias, precisamente porque as persoas neofalantes non só deciden cambiar de lingua, senón que se someten a si mesmas a unha reconfiguración da súa propia identidade. De aí que os exemplos máis típicos de cuestionamento que podemos atopar se expresen en relación coa identidade persoal, como «falar galego non encaixa contigo», «¿te pasa algo?», «¿estás de broma?», «agora es independentista?» etc.

Texto recuperado de: LINGUA E SOCIEDADE. Guía didáctica sobre os procesos sociolingüísticos en Moaña

2b) Manual de autoaxuda para neofalantes | Belen Regueira | LGx15

https://www.youtube.com/watch?v=IozXGh5jh-c


***


TEXTO 3

Lingua e medios de comunicación

O estudo de Túñez e López (2009) sinalaba que de cada cen páxinas publicadas en Galicia, cinco están escritas en lingua galego, con superficie algo maior na publicidade. Lorenzo et al. (2008) sinalaba a escasa presenza do galego nos medios de comunicación. A xustificación desta escasa presenza remite a supostas reaccións adversas do público, á pouca consideración que teñen os medios como axentes de revitalización da lingua, á subvención pública como principal (e ineficaz) ferramenta normalizadora ou á falta de demanda social. En definitiva, os indicadores lingüísticos para os medios indican o galego estaba relativamente presente nas radios e algo menos nas televisións, mentres que na prensa escrita non atinxe o 5%.
Entre o 60% e o 75% dos galegos consumiron medios audiovisuais en galego, arredor dun 40% medios escritos e un 25% medios en Internet, aínda que un consumo habitual é moito menor. Existe unha disonancia entre o consumo habitual e o consumo preferido de medios de comunicación en galego que podería indicar un hipotético aumento do consumo se a oferta aumentase.
Os galegofalantes de orixe galega fan un maior uso dos medios audiovisuais en galego e os neofalantes son os que realizan un maior uso dos medios escritos e os que teñen unha actitude máis positiva cara á oferta de máis contidos en galego, superior, incluso, aos galegofalantes de orixe galega.
En relación ao anterior, as persoas de maior idade fan un consumo maior de contidos audiovisuais en galego, mentres que os máis novos fan un maior uso do medios escritos. Estes últimos amosan unha maior intensidade na súa preferencia para consumir medios en galego mentres os maiores prefiren aumentar o consumo da televisión pero en menor medida os medios escritos. Cidades como Santiago de Compostela amosan un maior uso e predispo- sición ao consumo de medios en galego fronte a Ferrol, no extremo oposto.
En definitiva, un aumento da oferta de medios en galego, especialmente dos escritos, implicaría un maior consumo destes sempre que os contidos se adaptaran ás necesidades do público.

Plan xeral de normalización da lingua galega (2006). Aprobado en 2004

3b) Fan falta os medios galegos?

Carlos Blanco | Os medios en galego importan

https://www.youtube.com/watch?v=dfk0SnHz4L4

TEXTO 4
SOBRE A PROGRAMACIÓN INFANTIL EN GALEGO.

***


  



Comentarios

Publicacións populares deste blog

SUBSTRATO, ESTRATO, SUPERESTRATO DA LINGUA GALEGA

TEXTOS SOBRE O GALEGO

LITERATURA S. XIX