COMPRENDEMOS



LECTURAS PARA COMENTAR


1. A MULLER NA BIBLIA
O COÑECEMENTO
A Biblia. Xénese. Capítulos 2 e 3.

Capítulo 2

Quedaron así rematados o ceo e a terra e todos os elementos. Deus concluíu no día sexto a obra que emprendera, e o sétimo día repousou de todo o seu traballo. Deus bendiciu o sétimo día e consagrouno: nese día repousou de todo o traballo de crear.
Esta é a historia da creación do ceo e da terra.

O home no xardín

Cando o Señor Deus fixo a terra e o ceo, na terra non había aínda ramallada nin xermolaba herba no campo, porque o Señor Deus non fixera chover sobre a terra nin existía o home que traballase o agro.
Da terra xurdía un manancial que regaba o campo, e o Señor Deus formou un home do po da terra, soproulle no nariz o alento da vida e tornouse o home persoa viva.
O Señor Deus plantou un xardín en Edén, cara a oriente, e puxo nel ó home que formara. Fixo xermolar da terra árbores fermosas para a vista e boas para comer, e entre elas a árbore da vida e a árbore do coñecemento do ben e do mal.
En Edén nacía un río que regaba o xardín e de alí ía partirse en catro brazos. O primeiro chamábase Pisón: percorre o país de Havilá, onde se acha ouro; o ouro deste país é de calidade, e alí hai tamén ámbar e ónix. O segundo chamábase Guihón e percorre o país de Cux. O terceiro é o Tigris, que corre ó oriente de Asiria, e o cuarto é o Éufrates.
O Señor Deus estableceu o home no xardín de Edén, para que o traballase e o coidase. E deulle esta orde: ‑"Podes comer do froito das árbores todas do xardín pero da árbore do coñecemento do ben e do mal non comerás, pois en canto comas dela de certo morrerás".

A parella home - muller

O Señor Deus pensou: ‑"Non está ben o home só. Vou facer para el unha axuda ó seu xeito". O Señor Deus formou de terra as feras do monte e os paxaros do ceo, e presentoullos ó home, para ver que nomes lles puña. Cada ser vivo levaría o nome que o home lle puxese. O home púxolles nomes ós animais domésticos, ós paxaros do ceo e ás feras do monte. Pero entre eles non había unha axuda ó seu xeito.
Entón infundiu o Señor Deus un sono profundo no home, e este adormeceu. Tiroulle unha costela e cerrou con carne o sitio. Da costela do home formou unha muller e presentoulla ó home.
O home exclamou: ‑"Agora esta é coma min, o mesmo óso, a mesma carne. Chamarase muller, porque foi tirada do home". Por iso deixa o home seu pai e súa nai para xuntarse coa súa muller e faceren un mesmo corpo. Estaban os dous espidos, o home e a muller, pero non sentían vergoña.

Capítulo 3


A condición humana e a promesa

A serpe era o máis arteiro de todos os animais que o Señor Deus fixera. Díxolle á muller: ‑"¿Conque Deus vos prohibiu comer do froito das árbores do xardín?"
A muller respondeulle: ‑"Podemos comer do froito das árbores todas do xardín. Soamente da árbore de alá no fondo nos mandou Deus: Non comades dela nin a toquedes, non sexa que morrades".
A serpe insistiu: ‑"De ningunha maneira morreredes. É que Deus sabe ben que o día en que comades dela, se vos abrirán os ollos e seredes coma Deus, sabedores do ben e do mal".
A muller reparou que o froito da árbore era saboroso, atraente, e bo para adquirir entendemento. E coa mesma colleu do froito e comeu; logo deulle ó seu home, e tamén el comeu.
Entón abríronselles os ollos ós dous e decatáronse de que estaban espidos. Entrelazaron follas de figueira e cinguíronse con elas. Oíron ó Señor Deus camiñar polo xardín ó aire do día, e acocháronse os dous entre as árbores. Mais El chamou polo home, preguntándolle: ‑"¿Onde estás?" Respondeu o home: ‑"Oínte no xardín, e tiven medo. O verme espido, agacheime".
Preguntoulle o Señor Deus: ‑"¿Quen che dixo que estabas espido? ¿É que comiches da árbore da que che prohibira comer?"
Respondeulle o home: ‑"A muller que me deches por compañeira ofreceume do froito, e comín".
O Señor Deus díxolle á muller: ‑"¿Qué é o que fixeches?" E a muller respondeu: ‑"A serpe enganoume, e comín". Entón o Señor Deus díxolle á serpe: ‑"Porque fixeches isto, maldita sexas entre os animais e as feras todas do monte. Andarás arrastrada e comerás po toda a túa vida. Poño hostilidade entre ti e a muller, entre a túa liñaxe e a dela. Ti tentarás de atanguerlle o calcañar, pero ela esmagarache a cabeza".
Á muller díxolle:
‑"Terás moitos afáns na túa preñez, parirás con dor os fillos. Devecerás polo teu home, e el dominarate".
O home díxolle: ‑"Porque lle fixeches caso á túa muller, comendo do froito da árbore que che prohibira  comer, por culpa túa será maldita a terra: con traballos tirarás dela a túa mantenza mentres vivas. Producirache silvas e abrollos, e terás que comer herbas silvestres. Comeras o pan coa túa suor, ata que volvas á terra da que fuches tirado. De feito, ti es po e ó po tes que volver".
O home chamou Eva á súa muller, pois vén ser a nai de todos os que viven. O Señor Deus fíxolles túnicas de pel ó home e á muller, para se vestiren.
Logo o Señor pensou: ‑"Agora que o home veu ser coma un de nós, en canto a coñecer o ben e o mal, non vaia ser que tenda a man, colla tamén da árbore da vida, coma do froito, e viva sempre".
E botou ó home do xardín de Edén, para que cultivase a terra da que fora tirado. E despois de botalo do xardín, puxo no oriente querubíns con espadas flamexantes, para cortarlle o paso cara á árbore da vida.
  

Capítulo 4


Caín e Abel


O home achegouse a Eva, súa muller, e esta quedou embarazada. Deu a luz a Caín, e exclamou: ‑"Pola graza do Señor adquirín un home". Logo deulle un irmán a Caín, parindo a Abel. Abel era pastor e Caín labrador. (...)

***   ***   ***


2. CANCIÓN. SÉS: MILONGA DE AQUÍ




Con aire fresco de mar
Curo feridas e loitos
Que sexan poucas ou moitos
É necesario sanar

E vendo o mundo rodar
Dando tumbos de vencido
Dou por perdido o perdido
E recollo o que quedou
E co que me queda vou
Seguindo o meu percorrido

Para seguir camiñando
Fago noite na esperanza
Apóiome nas lembranzas
E aliméntome de sons
E nútrome das cancións
Que dan cor a esta existencia
Evitando a disidencia
Dun obrigado vivir
Que me fan chorar e rir
Que me instalan na insurxencia

E quero bailar ao ritmo
Do que vive ilusionado
E coa voz do silenciado
Cantar quero con paixón
Coa querenza e coa emoción
Da que non pretende nada
Máis que seguir namorada
Mentres quede corazón

Aspiro a soñar esperta
Para facer máis levadeiro
Este treito traizoeiro
Que garda unha fin incerta
E cantar a gorxa aberta
E deseñar utopías
Para encher de luz os días
En que o sol non me sorrí
En que non te teño a ti
Para inspirarme melodías

E así seguirei rimando
No medio do bombardeo
Emulando o canso reo
Reconvertido en poeta
Que ten o fóra por meta
E ten o dentro baleiro
Un ollar sempre tristeiro
E o pensamento no ar
Onde voa o meu cantar
Onde non hai carcereiro

Invocando a redención
Neste recuncho do mundo
Faise o meu cantar profundo
Como a terra en ultramar
Faise o meu cantar
Ao saberme secundada
Aínda sendo abandeirada
Dos que as levan de perder
É por eles que hei morrer
Sentíndome acompañada

E na liberdade áurea
Do melódico elemento
Baila a risa co lamento
E o cego co soñador
O paria co gañador
E o rebelde co castrado
Que, co sentir mutilado,
Ignora aquilo que eu sei
Por el é que eu berrarei
Para velo liberado.


***   ***   ***


3. Manuel Rivas: Un millón de vacas (1989)

Primeiro amor

Gaby, Gabriela, é maior ca min. Eu creo que moito máis maior. Lévame, polo menos, dous anos. Despois de tanto tempo, non esperaba encontrala na aldea, en Aita, pero alí estaba, sentada languidamente na bancada de pedra dos Brandariz, entre dous testos de xeranios.
- Ola.
- Ola.
- Que tal?
- Ben. E ti?
- Ben. Moi ben. Vaia, fatal.
En realidade era moito máis maior ca min. Tres anos, quizais.
- Estás moi delgada.
- Ti tamén estás moi delgado.
Levaba unha saia longa e tiña os pés espidos. Era uns pés grandes, de home.
- Estiveches fóra.
- Si.
- Ao mellor eu tamén marcho.
- Ah, si?
- Si.  Vou marchar. Estou pensando facer unha viaxe. Pero moi lonxe, sabes? A Australia ou a un sitio deses.
- Sería fabuloso.
- Si, case seguro que marcho para Australia. Un amigo meu ten os pais alí. Fíxose radioafeccionado e fala con eles pola noite.
- Eu estiven Barcelona, sabes? Vivín con xente e así.
- Ah, Barcelona, claro. Nunca fixen unha viaxe, sabes? Gustaríame facer algo potente. Australia, ou algo así,
- Debe ser alucinante. Tan lonxe.
- O meu amigo di que se cavamos un furado desde aquí que atravesara toda a terra sairiamos a Australia. Que tal en Barcelona?
- Ben. Vaia, regular. Mal.
- O meu amigo regaloume un reloxo. Espértate coa música de Aniversario feliz. Happy birthday to you. Tamén ten a hora que vai en Toquio, e en Londres, e Nova Iork. E podes anotar teléfonos e gardalos. É coma un ordenador. Mira, mira, fíxate.
- Oh, que ben, é fantástico! Sabes? Eu teño unha filla.
- Unha filla?
- Si. Queres vela?
E invitoume a pasar, sorrindo, como se lle doese sorrir.

***   ***   ***

4. Exercicio de puntuación 
(do prof. Ramón Gutiérrez Izquierdo)

Contan que un señor, por ignorancia ou por divertimento, deixou ao morrer o seguinte escrito:

Deixo a miña herdanza ao meu sobriño Xoán non a meu irmán Luís tampouco xamais quero deixarlla ao xastre nunca de ningún modo que vaia para os xesuítas todo o devandito é a miña vontade

O notario procedeu á lectura do documento perante as diversas persoas aludidas. Non obstante, a ausencia de signos de puntuación no testamento impedía unha interpretación inequívoca, e iso obrigou ao notario a perdirlles a todos os presentes que redactasen unha copia do escrito. Debían facelo sen variar as palabras nin a súa orde, pero cos signos de puntuación precisos que permitisen aclarar a derradeira vontade do finado. Tamén lle pasou unha copia do escrito ao xuíz para que resolvese o litixio, aínda sabendo que este procuraría que o diñeiro pasase a engrosar as arcas estatais.

Cadaquén achegou o escrito puntuado segundo os seus intereses.
Xoán:
Luís:
O xastre:
Os xesuítas:
O xuíz:

***   ***    ***


5. 'O Reino',  de Celso Emilio Ferreiro.

No tempo aquil 
cando os animales falaban, 
decir libertá non era triste, 
decir verdá era coma un río, 
decir amor, 
decir amigo, 
era igual que nomear a primavera. 
Ninguén sabía dos aldraxes. 


***   ***   *** 

6. ARTIGO DE NÓS DIARIO


NÓS DIARIO:

O feminismo toma as rúas para visibilizar este 8-M que  
"sen coidados non hai vida"

O feminismo chama este domingo a unha mobilización masiva nas rúas para visibilizar o papel de coidados que exercen as mulleres en máis de 80% dos fogares da Galiza e que constitúe "o centro da vida" social, familiar e económica. Así o recolle no manifesto de Galegas 8-M, que este ano quere subliñar que "sen coidados non hai vida". 

Pasada unha semana desde a manifestación nacional do feminismo galego en Verín,  este Día Internacional da Muller Traballadora conmemorarase de norte a sur e de leste a oeste do territorio galego a través de manifestacións e concentracións locais e comarcais que queren volver tinguir as rúas de morado, após tres convocatorias históricas en 2017, 2018 e 2019. 

Actos como a cadea humana de mulleres organizada onte en Carnota, organizada baixo o paraugas de Galegas 8-M Costa da Morte e no que fixeron parte asociacións como Sonlilá (Carnota), Buseranas (Cee), As Curandeiras (Vimianzo), Círculo Feminista de Carballo e a Secretaría das Mulleres da CIG, ademais de participantes individuais, queceron nas últimas horas o ambiente para a cita de hoxe. 
Desde o mediodía a cidadanía está convocada para saír á rúa e manifestarse ás 12 horas na Coruña (desde o Obelisco); en Ferrol (desde o Inferniño) e en Lugo (desde o Multiusos da Xunta). Así, algunhas cidades levarán os grandes actos á mañá e outras á tarde. 
En Compostela a manifestación empezará ás 19.30 horas na praza 8 de marzo; en Vigo será ás 18 horas desde o cruzamento da Vía Norte; en Ourense sairá ás 20 horas da Subdelegación do Goberno e en Pontevedra está convocada para as 17.30 horas desde a praza do Hospital. 
Tras o importante seguimento da mobilización nacional do feminismo galego, que tivo lugar o pasado día 1 en Verín, a meta da deslocalización segue a peseguirse este domingo, con convocatorias en municipios como Vilalba, As Pontes, Sada, Betanzos, Arteixo, Carballo, Sarria, Padrón, A Estrada, Cuntis, Chantada, Monforte, Allariz, A Ramallosa ou Marín, entre outros moitos núcleos
Os actos deste 8-M ocupan por completo a axenda de hoxe.Así, desde a mañá, Compostela organiza varios roteiros que saen desde catro puntos s da cidade (Conxo, As Cancelas, rotonda do Castiñeiriño e rotonda Cruceiro dá Coruña) ás 12 horas e que terminarán ao redor da praza da Galiza nunha concentración feminista. 
Pola súa banda, en Vigo representarase a acción 'Un violador no teu camiño' ás 12 horas xunto ao Farol de Urzáiz. A convocatoria anima todas as mulleres a participar e denunciar as violencias machistas en todo o mundo. 
Na programación deste 8 M tamén se convocaron manifestacións para reunir a comarcas enteiras. Foz será a sede da manifestación unitaria na Mariña lucense ás 12 horas e Cee a da Costa da Morte á mesma hora. Localidades como Vimianzo contarán cunha batucada feminista ás 20,30 horas e outros concellos gozarán de foliadas, comidas e concentracións baixo o paraugas da igualdade. A mesma premisa segue unha iniciativa na Pobra de Trives onde se realizará unha camiñada de tres quilómetros ás 11 horas. 

***   ***  ***

7. AS LINGUAS NA BIBLIA

CAPÍTULO 10


Táboa dos pobos

Estes son os descendentes dos fillos de Noé, nacidos despois do diluvio.
Descendentes de Iafet: Gomer, Magog, Madai, Iaván, Tubal, Méxec e Tirás. Descendentes de Gomer: Axcanaz, Rifat e Togarma. Descendentes de Iaván: Eliseo, Tarxix, os Quitim e os Dodanim. Deles descenden os pobos marítimos, cada un na súa terra e coa súa lingua, por familias e por nacións.
Descendentes de Cam: Cux, Exipto, Put e Canaán. Descendentes de Cux: Sebá, Havilah, Sabtah, Ramah e Sabtecá. Descendentes de Ramah: Xebá e Dedán. Cux tivo a Nimrod, que empezou a facer valentías na terra. Foi un cazador valente á vista do Señor, segundo o dito que corre: ‑"Cazador valente á vista do Señor, coma Nimrod". Empezou sendo rei de Babel, Érec, Acad e Calneh, no país de Xinar. De alí emigrou para Asur e construíu Nínive, Rehobot-Ir, Calah e Resen, a grande cidade entre Nínive e Calah. Exipto xerou os lidios, os anamitas, os lehabitas, os naftuhitas, os patrusitas, os casluhitas e os caftoritas, dos que veñen os filisteos. Canaán xerou a Sidón, seu primoxénito, a Het, ós iebuseos, ós amorreos, ós guirgaxitas, ós hivitas, ós arquitas, ós sinitas, ós arvaditas, ós semaritas e ós hamatitas. Despois os clans dos cananeos estendéronse e as súas fronteiras abranguían desde Sidón, cara a Guerar, ata Gaza, incluíndo tamén Sodoma, Gomorra, Ademah Seboim preto de Laxa. Estes foron os descendentes de Cam por clans e linguas, nas súas respectivas terras e nacións.
Tamén Sem tivo descendentes; o irmán máis vello de Iafet foi o pai de todos os heberitas. Descendentes de Sem: Elam, Asur, Arfaxad, Lud e Aram. Descendentes de Aram: Us, Hul, Guéter e Max. Arfaxad tivo a Xálah e este a Héber. Héber tivo dous fillos: o primeiro chamábase Péleg, por razón de que nos seus días se dividiu a xente da terra; seu irmán chamábase Ioctán. Ioctán xerou a Almodad, a Xelef, a Haarmot, a Iárah, a Hadoram, a Uzal, a Diolah, a Obal, a Abimael, a Xebá, a Ofir, a Havilah e a Iobab. Todos estes eran fillos de Ioctán. Habitaban na montaña oriental, desde Mexá ata Sefar. Estes foron os fillos de Sem, segundo as súas familias, linguas, países e nacións.
Estes foron os clans dos fillos de Noé, segundo as súas liñaxes nas propias nacións; e desde elas espalláronse os pobos pola terra, despois do diluvio.

CAPÍTULO 11

Babel

Toda a terra falaba unha soa lingua e usaba as mesmas palabras. O emigraren os homes desde o oriente, encontráronse nunha chaira, no país de Xinar, e establecéronse alí. Dixéronse uns ós outros: ‑"Imos facer ladrillos e cocelos no lume". O ladrillo facíalles de pedra e o betume de cemento. E nisto propuxeron: ‑"Imos construír unha cidade e unha torre, que chegue co cimo ata o ceo, e fagámonos un nome de sona, para non nos perder pola ancha face da terra".
Baixou o Señor para ver a cidade e a torre que os homes construían, e pensou: ‑"Aquí hai un pobo unido que fala a mesma lingua. Se empeza facendo isto, ninguén podería privalos desde agora de faceren o que se lles veña á cabeza. Baixemos e embarullemos alí mesmo a súa lingua, de xeito que non se entendan uns cos outros". O Señor espallounos de alí por toda a terra, e deixaron de construír a cidade. A esta chamóuselle Babel, porque alí embarullou o Señor a lingua de todo o mundo. Desde alí espallounos por toda a face da terra.

***   ***   ***
8. ARTIGO DE NÓS DIARIO 

En Europa investígase o rei emérito, mais o 'constitucionalismo' impídeo en España

Corinna Larsen denunciará en Londres Juan Calos I de Borbón por ameazas

O rei emérito español, Juan Carlos I de Borbón, pasa unha dura semana con todos os focos mediáticos sobre as súas costas. Ás investigacións en Suíza para esclarecer se cobrou 100 millóns de dólares por comisións na construción do AVE á Meca, que despois podería ter branqueado, súmase agora o anuncio de Corinna Larsen de interpor unha denuncia contra o ex monarca por ameazas.

O Borbón está ademais a pór na corda frouxa o Goberno español: as forzas soberanistas e Unidas Podemos queren que o Congreso investigue o rei, mentres o PSOE se nega . A adiñeirada empresaria e antiga amiga de Juan Carlos I de Borbón,
Corinna Larsen, anunciou que presentará unha denuncia contra o rei emérito ante a xustiza londinense por mor do acoso e das ameazas que supostamente sufriu desde o ano 2012, momento en que transcendeu a relación entre ambos e despois de viaxaren a Botsuana. Foi alí onde se retrataron en medio dunha cazaría de elefantes, imaxes que aceleraron a abdicación do monarca en favor do seu descendente varón, Felipe VI.
As intimidacións tiñan por obxecto, di Corinna, impedir que revelase segredos de Estado. Ademais de o rei emérito, Corinna tamén denuncia o ex director do Centro Nacional de Intelixencia (CNI), Félix Sanz Roldán, a quen acusa de estar detrás da campaña na súa contra e de proferirlle ameazas persoalmente en Reino Unido. Todo comezou, dixo Corinna no xornal The Daily Mail, cando o rei se accidentou en Borsuana e ela saíu nas fotos con el. Entón, o piso de Corinna en Mónaco foi ocupado por investigadores privados dese país e os servizos de seguridade españois lle comunicaron que se trataba dun operativo para garantir o seu benestar. A empresaria revelou ao medio británico que uns meses despois o CNI a ameazou de morte a ela e aos seus fillos durante a súa estancia nun hotel londinense.
Relata que lle pediron que ficase en silencio, e enviáronlle un correo en que a alertaban de que "falar cos medios sería devastador" para a súa imaxe. Era unha advertencia, denuncia, de que destruirían a súa reputación se non cooperaba. Esta ameaza cumpriuse, di Corinna, en relación á gravación que se lle fixo sen o seu consentimento en 2015 polo ex comisario Villarejo, actualmente en prisión.
Neses audios Corinna fala de contas que o rei emérito tería en Suíza e fala dun pago de comisións de 80 millóns por empresas españolas para construíren o AVE á Meca e que terían sido pagados á muller dun empresario saudita. Este aboaría a metade a un empresario español, quen ao seu tempo daría o total ou unha parte a Juan Carlos I de Borbón. Logo, o rei emérito realizou supostamente un "regalo" a Corinna de 65 millóns.
Soberanistas e UP queren investigar, o PSOE non
O BNG presentou xa xunto as forzas do Grupo Plural e ERC a solicitude de creación dunha comisión de investigación ao rei no Congreso. O deputado nacionalista Néstor Rego sinalou onte que "non é de recibo intentar ocultar as posíbeis prácticas fraudulentas e corruptas realizadas polos Borbóns, non fai máis que incidir no descrédito da Casa Real e da monarquía e pór en evidencia o carácter pouco democrático do réxime de 78", e considerou que a monarquía "é unha institución anacrónica e incompatíbel cun sistema que se queira democrático".
Pola súa banda, a portavoz do PSOE no Congreso, Adriana Lastra, deixaba onte clara a oposición do PSOE a apoiar ningunha petición na Cámara que inste a crear comisións de investigación ao rei emérito. Trátase "simplemente de ler a Constitución e saber que o rei é inviábel", dixo Lastra. Porén, Unidas Podemos, socio do PSOE no Goberno español, rexistrou onte outra petición no Congreso para crear unha comisión de investigación ao ex rei.

Podemos sinala que na actualidade estas actividades fraudulentas poderían seguir a producirse, polo que "o período de inviolabilidade (a etapa en que reinou) non pode ser alegado neste caso" posto que o que propoñen é que se investigue se, após deixar a Xefatura do Estado, o Borbón cobrou "capitais de comisións ilícitas". Os desencontros PSOE-UP por esta cuestión e polas últimas propostas de lei fixeron que Pedro Sánchez adiantase onte a mesa de seguimento do Goberno, que forman ambos os partidos, para o 12 de marzo.






Comentarios

Publicacións populares deste blog

SUBSTRATO, ESTRATO, SUPERESTRATO DA LINGUA GALEGA

TEXTOS SOBRE O GALEGO

LITERATURA S. XIX